8.7.09

112: Do chiringuito ao circo


Polo que parece, para resolver a urxentísima provisión de material aínda vamos ter que agardar a que a administración teña un bon día para saír na foto. Semella que os poderes políticos queren que a entrega das cadeiras no 112 se convirta nun motivo para a celebración, e pretenderán que sorriamos e que poñamos boa cara o día que desembarque no CAE112 o director xeral Santiago Villanueva, as cadeiras e a prensa. As cousas van así: de sermos un chiringuito a sermos un circo!

Ler máis...

23.6.09

A voltas co mobiliario, o material e o ambiente de traballo


A situación dos traballadores e das traballadoras do 112 é cada día máis comprometida pola deficiencia nos equipamentos de que dispoñen para realizar o seu traballo. Xa non é que a plataforma de telecomunicacións sexa claramente mellorábel. É que nos últimos temos o mobiliario e o material de traballo se ten deteriorado tanto que a situación comeza a ser insostíbel. De feito, esa é a idea que se lle trasladou ao novo responsábel pola DXEI, Santiago Villanueva, que nunha recente visita ao CAE puido comprobar a situación lamentábel en que temos que desenvolver o noso traballo.

A situación chega incluso ao ridículo. Non pode dicirse máis claro: se non se pon remedio inmediatamente, o persoal do 112 vamos ter que realizar o noso traballo de pe. A carencia de asentos, porén, é só o máis evidente. A sala de emerxencias é pequena de máis, está mal ventilada e peor climatizada - producindo problemas constantes coa temperatura e coa humidade ambiente. E, inclusive, as condicións dos vestiarios, da sala de refresco e incluso a seguranza que se lle exixe a centros como no que traballamos son altamente deficientes.

Ao noso ver, aquí conflúen dous problemas. Por unha banda, hai un evidente problema de espazo físico, que agardamos que se solucione coa provisión de novas instalacións conforme a lexislación e o sentido común. Pero, sobre todo, hai unha deixadez manifesta no que se refire ao mantemento do material e o mobiliario por parte da empresa, que se escusa continuamente dicindo que é un problema da administración. Non é certo. A empresa debe prover o material para o desemprego das tarefas, neste caso, de atención ás emerxencias. Se ese material lle chega a través da Xunta xa non é cousa dos profesionais que traballamos aí. E non estamos dispostos a seguir sufrindo problemas de saúde polo ambiente do lugar de traballo ou polo estado do mobiliario. É por iso que temos solicitado xa varias veces unha reunión do Comité de Seguridade e Hixiene para que esta situación se solucione canto antes. A reunión hase celebrar finalmente o 1 de xullo, pero énos imposíbel por moitas esperanzas nela. A empresa coñece perfectamente o problema e non fixo nada aínda. Que había de mudar despois desta reunión?

Ler máis...

15.5.09

Confirmado: a AXEGA era un chiringuito inoperativo

As queixas do persoal do 112 sobre o funcionamento da AXEGA desde a súa creación non se centraron só na súa negativa a falar dos problemas laborais dos traballadores e das traballadoras do Centro de Atención de Emerxencias 112. Temos comentado máis dunha vez, inclusive en roldas de prensa convocadas ao efeito, que, malia as grandes cantidades de gasto en dotación recursos materiais, non se fixera nin unha soa mellora na capacidade de resposta do 112, e que a AXEGA era, na práctica, un chiringuito inoperativo. 

Onte, o novo Director Xeral de Emerxencias e Interior confirmou as nosas denuncias, facendo públicos os mesmos problemas da Axencia Galega de Emerxencias. A nova, que foi recollida por diversos medios de comunicación, refire tamén a intención da DXEI de mellorar o funcionamento do 112 - algo que prometera José Luis Méndez Romeu despois da vergoñosa resposta ao Klaus a comezos de ano, pero que xamais de fixo. Agardarmos que esta nova ollada posta sobre o melloramento da xestión das emerxencias en Galiza inclúa tamén en breve melloras sociais e laborais que conduzan a unha maior estabilidade (e, polo tanto, fidelización) do plantel de profesionais que traballan no 112. 

Así o recolleron Xornal de Galicia e Europa Press


Ler máis...

13.5.09

Director Xeral ve razoábeis as exixencias do 112

Despois da reunión que mantivemos onte cos novos responsábeis políticos do 112, as sensacións que temos son moderadamente optimistas. 

Quedou demostrado na práctica a ineptitude dos anteriores responsábeis políticos do 112, porque nada costaba manter as boas formas e as boas relacións. En lugar diso, arranxaron negándose a falar e sacando comunicados de prensa absurdos e infantís. E tamén se demostrou que a nova administración, cando menos polo dito hoxe, ten vontade de solucionar o que o propio PP provocara hai xa anos ao privatizar o 112. Entenden, como nós, que se trata dun servizo público esencial, e que nel se dan unhas carencias (materiais, de persoal, de dignidade laboral, de estabilidade...) que poden ser resoltas con vontade. E, polo visto, están dispostos a facelo. De entrada, xa se teñen posicionado en varias ocasións a prol da subrogación - hoxe reafirmouno Santiago Villanueva, o Director Xeral de Emerxencias e Interior, que ademais dixo ter a intención de que o seu departamento non repetise a actitude da anterior Dirección Xeral de Protección Civil, que se desvinculara do CAE-112 para sorpresa de todos. 

Ademais, remitímoslle un documento onde se explican os acordos e preacordos alcanzados coa empresa a respeito dos tres puntos esenciais das nosas reivindicacións, que non mudaron co cambio de goberno, como tamén lle explicamos. O seu compromiso é estudar a viabilidade das propostas, que considera razoábeis e xustas, e suxerir a solución do conflito á nova Consellaría de Presidencia, agora dirixida por Alfonso Rueda. Agardarmos, como tamén comentamos na xuntanza, que a pronuncia non se faga agardar demais, e que, aínda que o acordo non poida entrar en vigor até o novo concurso, se asine o antes posíbel para recuperarmos a estabilidade mínima no 112. 

Ler máis...

11.5.09

112 á procura de compromisos dos novos interlocutores

Santiago Villanueva e Alfonso Rueda,
novos responsábeis polo CAE112

Nesta semana soubemos que, definitivamente, o CAE112 vai quedar inscrito na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, e desde a sección sindical da CIG no Comité de Empresa puxémonos a traballar para confirmar unha xuntanza de traballo co novo responsábel por este departamento da Xunta. Finalmente, a data quedou confirmada para o mércores 13 de maio. Agardarmos que Santiago Villanueva teña a ben presentarse cunha actitude aberta e dialogante - o que non fixeron os seus antecesores na xa extinta Dirección Xeral de Protección Civil. Queremos saber como se van encetar os retos da AXEGA e como se van implementar as necesarias transformacións no 112, así como o modo en que elas van afectar o persoal de emerxencias. E, sobre todo, queremos acordar os puntos de mellora da situación laboral das e dos profesionais que traballamos no Centro. Para isto, o noso programa é o que xa tentamos expor á anterior administración: subrogación, salario digno e regulamento das gardas retribuídas. Non pasaremos por menos. 

Ler máis...

22.4.09

PP mantén as súas intencións de subrogar o persoal do 112

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

Nestes días comezou xa a facerse pública a estrutura orgánica do novo goberno galego, e o persoal do 112 soubemos que estaremos encadrados de novo na Consellaría da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que dirixirá Alfonso Rueda. Tras coñecermos a nova, comunicámonos cos representantes do PP que nos recibiran antes das eleccións. Beatriz Mato, agora conselleira de Traballo, confirmou que manteñen as intencións que xa nos anunciaran na reunión preeleitoral, de modo que seguirán a apostar pola subrogación total do persoal do Centro de Atención de Emerxencias. Agardamos que a data para a próxima reunión de traballo sexa fixada a próxima semana, para poder terminar canto antes con esta situación cada día máis insostíbel.

Ler máis...

3.3.09

Lectura do 112 sobre os resultados do 1M


Os resultados eleitorais deste 1 de marzo non deixan lugar para dúbidas a ningún sector social. Tampouco para os traballadores e traballadoras do 112. É doado coincidir coa lectura xeral que da vitoria do PP fan a maior parte dos comités de empresa do país: o bipartito perdeu o goberno non só pola campaña de desprestixio centrada nos temas de despilfarro e bicefalia. PSOE e BNG perderon o goberno porque perderon a base social que os levara adiante ao reproduciren hábitos vellos. 

En moitos casos, o bipartito non só non recuperou privatizacións nin apostou decididamente pola dignidade laboral no país, senón que avanzou na administración paralela coa creación de novos chiringuitos - sociedades de xestión desprovidas de funcionalidade real. Para o ámbito da xestión de emerxencias, é o caso da AXEGA. A lectura que desde o 112 podemos facer é que o PSOE se equivocou á hora de negar reiteradamente o dereito á estabilidade e á dignidade laboral. A súa teima mantívose mesmo na época de campaña, cando se negou a contestar a nosa solicitude dunha reunión que sí mantivemos con BNG e PP. 

O PP, de feito, mostrouse moi favorábel a esa subrogación que é o noso obxectivo desde hai xa dous anos. Que o PP mostre mais sensibilidade a este respeito que o PSOE é xa significativo do divorcio do goberno (agora en funcións) e dos traballadores. Agora é o momento de lembrarmos ao PP as súas propias palabras a favor da subrogación do persoal do 112, para terminarmos dunha vez con este conflito social. 

Ler máis...